Friday 03 de May de 2024

O Concello inviste 57.000 euros para ampliar as redes de abastecemento e saneamento en Visouteiro


• A actuación, que se atopa en fase de licitación pública, dará servizo a varias vivendas deste núcleo da parroquia de Leiro.

 

O Concello de Miño iniciou o proceso de licitación para ampliar as redes de abastecemento e saneamento no centro de Visouteiro, na parroquia de Leiro. Unha actuación que conta cun orzamento de 57.039,41 euros e que se financia con fondos propios.

Esta obra dará servizo a varias vivendas que hoxe non contan cunha rede pública de sumidoiros e abastecemento. Na zona, a actual rede de saneamento é separativa, con recollida de augas residuais e canalización á EDAR, e a rede de abastecemento está formada por tubaxes de PVC.

As obras que se van realizar para esta rede de servizo ás citadas vivendas inclúen a instalación de dous colectores, no caso de saneamento, e dous tramos de canalización, no abastecemento, ampliando ambos casos a infraestrutura existente.

O prazo para a presentación de ofertas no proceso de licitación pública remata o 22 de decembro.